A mala calidade do sono, o risco de caídas e as perdas de orina son tres condicións de saúde altamente frecuentes na poboación maior, cunha incidencia directa na súa calidade de vida como limitadoras do seu benestar e participación social. Co obxectivo de validar metodoloxías de intervención que contribúan a mellorar a evolución destes problemas de saúde, Aldaba, Clínica Cobián e Geriatros, co grupo de investigación RNASA-Imedir da Universidade da Coruña –a través do Centro de Investigación en TIC e o Instituto de Investigación Biomédica Inibic–, aliánse nun proxecto de innovación –Geria-TIC– que, de aquí a finais de 2018, monitorizará en usuarios de centros de Geriatros e coa axuda de dispositivos portátiles (pulseras de actividade e lectores de datos biomédicos) o impacto real de rutinas de exercicio físico e hábitos saudables na mellora dos maiores, segundo explica Laura Nieto, terapeuta ocupacional de RNASA-Imedir.
“Queremos saber se reforzando con exercicios físicos e cognitivos a actividade das persoas maiores conseguimos mellorar estes tres factores que comprometen a súa calidade de vida e limitan o seu empoderamento”, expón o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e responsable do grupo de investigación, Alejandro Pazos.
Nesta primeira fase, explica Javier Pereira, de RNASA-Imedir, os traballos céntranse na análise dos dispositivos existentes no mercado. Fundamentalmente, o estudo servirá de pulseras de actividade deseñadas para rexistrar parámetros como a actividade física do usuario ou os seus ciclos de sono, aínda que tamén de dispositivos máis específicos habilitados para cuantificar a intensidade coa que –no caso da incontinencia urinaria– o paciente realiza a rutina de exercicios de chan pélvico programada pola Clínica Cobián.