• O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela nun encontro sobre esta iniciativa na que están a participar un total de 16 proxectos que achegan solucións que dan resposta ás necesidades tecnolóxicas das empresas galegas
  • Este programa, que conta coa colaboración da Fundación Barrié, aposta polo coñecemento permitindo a captación e retención de talento e dando novas oportunidades aos investigadores

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou en Santiago de Compostela, durante un encontro sobre o programa Ignicia, a contribución desta iniciativa pioneira da Xunta ao cambio de cultura na transferencia de coñecemento ao mercado.

Conde explicou que Ignicia está apoiando 16 proxectos innovadores e disruptivos das Universidades e centros de coñecemento da Comunidade, que están permitindo xerar novas ideas e solucións para adiantarse ás necesidades tecnolóxicas da industria e das empresas galegas, sobre todo no eido da biotecnoloxía e das TIC.

O programa enmárcase na aposta polo coñecemento da Xunta, apoiando a captación e retención de talento, ofrecendo unha nova oportunidade para que os investigadores galegos poidan desenvolver solucións tecnolóxicas para a Industria 4.0 e para os sectores produtivos e estratéxicos da Comunidade.

Ignicia conta coa colaboración da Fundación Barrié e ten como principal obxectivo o apoio á investigación científica realizada en Galicia dándolle visibilidade e facilidades para chegar a mercado. O programa ofrece aos proxectos seleccionados unha vía de maduración e outra de financiamento para a súa consolidación. Búscase facilitar a transferencia de resultados dese traballo investigador ao mercado realizando unha detección temperá dos proxectos con potencial innovador, contribuíndo así á rendibilidade económica e social do investimento público en investigación.

Destacan, entre outras, a iniciativa Alén Space, a primeira spin-off creado no marco deste programa e que foi elixida entre as 70 mellores startups de España, ademais de gañar os Premios TIC Galicia 2019.

Axencia Galega de Innovación