O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, acordou por unanimidade (na súa asemblea xeral do pasado 21 de maio) recoñecer a Alejandro Pazos como Colexiado de Honra. A distinción será entregada no marco da oitava edición dos premios anuais do CPEIG que se entregarán o vindeiro 3 de xuño no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela. O premio virá dado pola súa contribución ao impulso das TI na nosa terra, polo seu compromiso coa profesión e pola súa dilatada carreira profesional como investigador, docente e xestor.

Como lembraremos, Pazos Sierra naceu en Padrón (A Coruña) en 1959. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e en 1989 realizou un Máster en Enxeñaría do Coñecemento na Universidade Politécnica de Madrid. Obtivo unha bolsa predoutoral de IBM coa que se doutorou en Enxeñaría Informática por esa mesma universidade en 1990.
Foi contratado posdoutoral no Georgia Tech, en Atlanta entre 1990-1991, e posteriormente, en 1996, obtivo o seu segundo doutoramento, esta vez en Medicina, pola Universidade Complutense de Madrid.
No que se refire á súa experiencia docente, a comezos da década dos 90 volveu a Galicia coa creación da Facultade de Informática da UDC para participar neste importante proxecto, converténdose no primeiro doutor en Informática da universidade coruñesa, onde obtivo a praza de profesor titular interino no Departamento de Computación. En 1992, gañou a praza de profesor titular de Universidade e, en 1999, a praza de catedrático da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na UDC, posto que ocupa ata a actualidade.
Desde que regresou a España, Alejandro Pazos participou en postos de xestión, tanto na Universidade coma no Goberno autonómico, sendo director dos Servizos Informáticos de Apoio á Investigación da UDC en 1993; vicerreitor de Profesorado (1998-2001), vicerreitor de Planificación Académica (2001-2002) e vicerreitor de Investigación (2002-2003) na UDC.
Ademais, dirixiu o Departamento de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Facultade de Informática da Universidade da Coruña entre 2004 a 2008. Foi tamén vicepresidente e presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) entre 1994 e 1997 e, igualmente, secretario xeral e subdirector xeral do Plan Galego de I+D na Xunta de Galicia, representante da Xunta no Consello Xeral de Ciencia e Tecnoloxía e vogal da Comisión de Selección de Política Científica da Xunta de Galicia, entre 1997 e 1998. Foi tamén asesor do Ministerio de Defensa para a realización de estudos de Prospectiva Tecnolóxica e dos programas Europeos TMR, TIC e MOBILITY.
Desde hai 15 anos, é o responsábel do curso de formación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións que se imparte a xefes e oficiais da Armada na Escola de Especialidades Antonio Escano de Ferrol. Nos últimos dous anos, tamén na Escola de Especialidades Antonio Escano de Ferrol, estivo á fronte do curso avanzado en Ciberdefensa.
Nos seus máis de 25 anos de exercicio profesional na Universidade da Coruña, pasaron polas súas aulas máis de 2.500 estudantes de Enxeñaría Informática e máis de 500 alumnos de máster e doutoramento. Dirixiu durante este tempo máis de 200 proxectos fin de grao ou máster e 25 teses doutorais en Enxeñaría Informática, sete delas actualmente en execución.
Con respecto ao seu traballo referido a I+D+i, fundou en 1987 o Grupo de Informática Biomédica (GIB), pioneiro en España na área, na Facultade de Informática da Universidade Politécnica de Madrid, e en 1990 o GIB, pioneiro na área en Galicia, na Facultade de Informática da UDC. Creou tamén o Laboratorio Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos (RNASA) e posteriormente o Centro Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico (IMEDIR) da UDC. Polos laboratorios que el dirixe pasaron durante estes anos máis de 150 investigadores en formación e contratados con cargo a proxectos de I+D+i.
É autor de máis de 50 artigos publicados en revistas internacionais de prestixio, de máis de 100 publicacións entre libros e revistas, e máis de 75 publicacións en congresos científicos, tanto nacionais como internacionais. Conseguiu ser citado en máis de 2.300 ocasións por outros autores, sendo o segundo autor máis citado nas etiquetas informática_médica e healthcare_information_systems.
Alejandro Pazos é membro de diversas sociedades científicas, IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineers), ACM (Association for Computer Machinery), INNS (International Neural Network Society), IAKE (International Association of Knowledge Engineers) etc., así como socio fundador da Internet Society (ISOC) en España.
No ano 2014 foi condecorado coa medalla ao Mérito Naval con distintivo branco polo seu labor formativo en TIC e Ciberdefensa, e en 2015 foi elixido polo consello editorial do grupo El Correo Galego coma un dos Galegos do ano. Tamén en 2015 foi galardoado co Premio Nacional de Informática da Saúde pola Sociedade Española de Informática da Saúde).