“O papel do farmacéutico será, principalmente, o de asesor de todo proceso terapéutico que inclúa o uso de medicamentos, cara ao resto dos profesionais implicados e aos pacientes”. Polo menos así o asegurou onte o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña Alejandro Pazos Sierra, no seu discurso de ingreso na Academia de Farmacia de Galicia como académico correspondente.

Baixo o título de *As TIC na actividade profesional farmacéutica. Presente e futuro previsíbel*, o tamén fundador e director do grupo multidisciplinar Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos e Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico analizou en profundidade a evolución do traballo do farmacéutico, nun proceso no que, a súa xuízo, “atopa un gran aliado nas ferramentas que lle proporcionan as TIC”.

Tras sinalar que os cambios permitirán aumentar a calidade asistencial e a sustentabilidade do sistema de saúde, aludiu á dificultade técnica para a súa integración, o custo económico e a resistencia ao cambio inherente a toda actividade, como algúns dos obstáculos ao uso das TIC.

Con todo, e ante a revolución que aventa na profesión, destacou “a medicina personalizada e a medicina de precisión” como un gran reto para poder evolucionar no servizo que se presta á sociedade.