Alejandro Pazos Sierra e Cristian R. Munteanu (membros do grupo RNASA-IMEDIR da UDC) desenvolveron xunto cun grupo internacional de programadores XLandC e a Rede Galega de Investigación sobre Cancro Colorrectal (REGICC) unha aplicación móbil con Intelixencia Artificial para a detección de pólipos de colon en imaxes de colonoscopia.

Esta aplicación chámase Polyp Detector, pódese descargar desde Google Play e é unha implementación dun modelo de Deep Learning no formato TensorFlow Lite e programada en Flutter (ferramentas de Google). Ademais de ser gratuíta e non presentar publicidade, esta aplicación non envía datos a ningún servidor e todas as predicións realízanse no propio dispositivo, mantendo así a privacidade dos usuarios. En canto ás predicións, a aplicación acada unha “Accuracy” de máis do 93 %.